A fin de semana do 4 e 5 de decembro celebrouse en Narón o derraderio Torneo correspondente ao Circuito Galego da FGTM do ano 2021. A Organización correu a cargo do Club de Tenis de Mesa de Cidade de Narón, e dispouse nas instalacións do Pavillón Campo da Serra.
O Club de CTM Mos estivo representado na categoría benxamín con sete xogadores dun total de 20 participantes. Compartiron a xornada coa categoría absoluta o domingo 5 de decembro, cun grupo competitivo único na categoría masculina de 9 xogadores, e con dous grupos preliminares na feminina.
Unha vez máis os nosos participantes gozaron dunha xornada de convivencia, divertimento e competición. Oportunidades de aprendizaxe e adquisición de experiencia competitiva que complementan o traballo técnico que veñen de realizar ao longo das semanas, e que son de gran importancia nas catagorías de formación no deporte.
Na categoría feminina participaron catro xogadoras Maia e Noa Lomba, e Carla e Nerea Blanco. As tres primeiras obtiveron a clasificación para as eliminatorias de cuartos da xornada de tarde ocupando os primeiros postos non seus grupos, Maia (1ª) e Carla (2ª) no mesmo grupo e Noa (2ª) no outro. Pola tarde, as tres xogadoras gañaron os cruces con solvencia, configurando unha semifinal entre Maia e Noa Lomba, e a outra entre Carla e Celia Sanz (CTM Cidade de Narón). Nesta ocasión Maia resolveu pola vía rápida, mentres que Carla caeu por 3-1 ante Celia, nunha eliminatoria moi disputada cun desenlace final do cuarto set por 11-9, a favor da xogadora de Narón. No partido polo terceiro posto, Noa gañou por 3-0 a Carla. Na final, tivemos a oportunidade de disfrutar dun partido moi disputado, con variacións no dominio do partido que acabou coa victoria de Maia por 3-2.
Finalmente o podium o conformaron Maia (1º), Celia (2ª), Noa (3ª) e Carla (4ª), tendo en conta o numeroso grupo de prebenxamíns, a Organización dispuxo dun podium propio nesta categoría, na que Noa Lomba obtivo o primeiro lugar.
Na categoría masculina, o grupo foi único, disputaron oito partidos, e a Organizacón igual que na feminina dispuxo de ambos podiums para as categoría benxamín e prebenxamín. Eloy García, desenvolveu un gran xogo no Torneo con cinco victorias, o que lle permitiu alcanzar o 4º posto na categoría benxamín. Con 3 victorias Martiño Ramilo subiu ao segundo posto na categoría prebenxamín, e Lois Ramilo con dúas victoiras situouse na quinta posición final. Gran xornada competitiva para todos eles, tendo en conta que están iniciando a participación nos Torneos contra xogadores doutros Clubs.
Unha vez máis é importante destacar o esforzo que se está a realizar por parte do CTM Mos para que todos os seus xogadores das categorías de formación teñan a oportunidade de participar neste tipo de eventos, aprender e gañar experiencia competitiva. Tamén por parte dos Clubs organizadores, como o CTM Cidade de Narón, que faga o esforzo en manter a celebración das categorías miúdas, a estas idades non teñen moitas oportunidades para poder competir fóra de membros do mesmo Club, e a posibilidade de compartir xornadas con xogadores doutros Clubs supoñen oportunidades de aprendizaxe (convivencia e competitividade) que veñen a conformar unha base moi importante de cara o súa madurez deportiva, social e persoal.
Cadro resultados finais Torneo
(CLICAR NAS FOTOS PARA VELAS EN TAMAÑO PANTALLA)